Monday 29 de April de 2024

A Pobra impulsa novamente un obradoiro de conciliación cara á época da Semana Santa


A época da Semana Santa supón un período no cal a rapazada desfruta duns días de vacacións escolares. Por iso, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal promove novamente un obradoiro de conciliación co afán de seguir favorecendo a compatibilización da vida persoal e laboral das familias, segundo anuncian a axente da igualdade, Carolina Rodríguez, e a asesora xurídica á muller, María Pérez.

Este servizo activarase no 25, 26 e 27 de marzo, así como no 1 de abril, coincidindo con xornadas non lectivas, pero si laborais. Desenvolverase, como xa é o costume, nas instalacións do CEP Salustiano Rey Eiras, dende as 09.00 ata as 14.00 horas.

O importe total establécese nos 15 euros por nena/neno, pero aplicaráselle un desconto do 50% á segunda irmá ou irmán e será de balde para a/o terceira/o.

Disporase, a maiores, das opcións dos servizos de Madruga e Comedor, dos cales cómpre consulta-las condicións.

As inscricións efectuaranse a través do Departamento da Igualdade, situado fronte á casa do concello, no teléfono de contacto 981832764, coa extensión 6, ou no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal. A data límite para formaliza-lo trámite establécese no 21 de marzo.

A conciliación refórzase polas tardes co Espazo de Coidados Corresponsables, o cal leva en funcionamento dende o inicio do curso nas mencionadas instalacións escolares, de luns a venres, das 16.00 ás 21.00 horas. Trátase dun servizo municipal de balde suxeito a un mínimo de participantes.

Ámbalas propostas atópanse ao abeiro do Plan Corresponsables cofinanciado polo Ministerio da Igualdade.

Máis información nas referidas canles de contacto.